Conformaranse dúas mesas de traballo, que serán moderadas polo Consello Galego de Relacións Laborais e contarán co asesoramento dunha persoa experta. Cada mesa estará integrada polas persoas que representan a cada un dos colectivos participantes no Encontro, o que supón un número máximo de 30 persoas por Mesa.

Cada unha das mesas de traballo asumirán a análise e debate das seguintes cuestións:

MESA I

Tempo de traballo e xornada laboral

Que papel xogaría a negociación colectiva ante unha posible rebaixa da xornada laboral por vía lexislativa?

A redución da duración máxima da xornada laboral é unha posibilidade que aínda está por concretarse. No caso de que se faga efectiva, os convenios colectivos non só deberán adaptarse para asumir esa rebaixa, senón que tamén se abrirá a porta a explorar novas posibilidades. A negociación colectiva poderá explorar innovacións como fórmulas de flexibilización horaria que permitan compatibilizar as necesidades persoais e familiares das persoas traballadoras coas demandas organizativas e produtivas das empresas. Especial atención merecerá o impacto das novas tecnoloxías en cuestións como o teletraballo, a desconexión dixital ou o rexistro diario da xornada.

MESA II

Outras novidades en materia de negociación colectiva

O Real Decreto Lei 2/2024 modifica a redacción do apartado 3 do artigo 84 e introduce nese mesmo artigo un novo apartado 4, pasando o actual ao número 5.

O primeiro que hai que ter en conta á hora de abordar a interpretación da nova situación normativa derivada da reforma é que a modificación introducida non afecta, en principio, ao mandato do artigo 84.1 do ET. A regra deste apartado 1 do artigo 84, que consagra a prioridade aplicativa dos convenios anteriores no tempo (a regra do prior in tempore), e a imposibilidade da súa afectación por outros convenios posteriores, sigue, pois, plenamente vixente.

Nesta mesa, analizaranse os cambios introducidos pola nova prioridade aplicativa dos convenios autonómicos e, no seu caso, provinciais. Trataranse cuestións como:

– Cal é a unidade de negociación colectiva máis axeitada en Galicia?

– Como afecta esta reforma á estrutura da negociación colectiva galega?

– Que papel xogan os convenios colectivos estatais trala reforma?

Tamén se analizarán o alcance e o contido das cláusulas en convenios colectivos que representan tendencias innovadoras, a ter en conta para o futuro das relacións laborais.

Contacto

Rúa da Algalia de Abaixo, 24,
15704 Santiago de Compostela,
A Coruña

981 54 16 02
info.cgrl@xunta.es