No marco deste Encontro, as mesas de traballo ofrecen un espazo de análise práctica e reflexión compartida entre operadores xurídico-laborais —procedentes da Universidade, a Xudicatura, a Inspección de Traballo e os axentes sociais máis representativos de Galicia— co obxectivo de identificar desafíos actuais e promover boas prácticas tanto na negociación colectiva como na mediación laboral.
A partir das experiencias e perspectivas das persoas participantes, procuraremos extraer conclusións operativas que completen o Código de boas prácticas na mediación laboral, no que estivo traballando a Comisión Paritaria do AGA.
Conformaranse dúas mesas de traballo, que serán moderadas polo Consello Galego de Relacións Laborais.
Cada mesa estará integrada polas persoas que representan a cada un dos colectivos participantes no Encontro, o que supón un número máximo de 30 persoas por Mesa.
Cada unha das mesas de traballo asumirán a análise e debate das seguintes cuestións:
MESA I
Desafíos da negociación colectiva
Esta mesa ten por obxectivo identificar e debater os elementos que contribúen a unha negociación colectiva máis construtiva, eficiente e adaptada aos retos actuais. Analizaranse os factores que favorecen ou dificultan o diálogo entre as partes, a redacción de cláusulas claras e aplicables, e a introdución de innovacións sen comprometer a súa eficacia. Tamén se abordará o equilibrio entre flexibilidade empresarial e garantías laborais, e abordarase a negociación como unha ferramenta nas extincións de contrato, así como o seu papel na incapacidade temporal.
- Que factores favorecen ou prexudican unha negociación colectiva construtiva e eficiente? En que medida os avances tecnolóxicos e de comunicación poden afectar aos contidos das mesas de negociación?
- Como evitar cláusulas ambiguas ou conflitivas?
- Como introducir cláusulas innovadoras sen comprometer a súa aplicación real?
- Como equilibrar flexibilidade empresarial e garantías laborais? De que maneira a negociación colectiva pode servir como ferramenta para impulsar medidas de flexibilidade interna con carácter preferente fronte ao despedimento?
- Que papel xoga a negociación colectiva nos despedimentos?
- Que papel pode xogar a negociación colectiva nos procesos de incapacidade temporal?
- Como mellorar a coordinación entre niveis de negociación?
MESA II
Boas prácticas na mediación laboral ao abeiro do AGA
Nesta mesa analizaranse os elementos clave que fan que unha mediación no marco do AGA sexa eficaz e lexítima. O debate xirará arredor dos erros comúns a evitar, das condicións necesarias para garantir un equilibrio real entre as partes e das medidas que poden fomentar un maior uso e confianza na mediación tanto dentro das empresas como nos distintos sectores. Tamén se tratarán os momentos máis oportunos para optar pola mediación fronte a outras vías, así como propostas para mellorar a formación das persoas mediadoras. Finalmente, reflexionarase sobre como os avances tecnolóxicos poden influír na confidencialidade e eficiencia dos procesos de mediación.
1. Que fai que unha mediación baixo o AGA sexa eficaz e lexítima?
2. Que erros comúns deben evitarse nas mediacións laborais?
3. Como garantir un equilibrio xusto entre as partes?
4. Que medidas poden aumentar o uso do AGA na contorna laboral?
5. Que medidas poden adoptarse para aumentar o uso e a confianza na mediación dentro das empresas e nos sectores?
6. Cando é máis útil a mediación fronte a outros métodos?
7. Que propostas hai para mellorar a formación en mediación?
8. En que medida os avances tecnolóxicos e de comunicación poden afectar á confidencialidade dos contidos das mesas de negociación? Que riscos presentan e que oportunidades ofrecen?
Contacto
Rúa da Algalia de Abaixo, 24,
15704 Santiago de Compostela,
A Coruña
981 54 16 02
info.cgrl@xunta.es
